Sunday 19 de May de 2024

Máis de 700 persoas participaron na carreira popular para celebrar o 50 aniversario do CHUAC


O Concello colaborou co Complexo Hospitalario Universitario da Coruña na organización da carreira, que uniu as zonas sanitarias de Eirís e o Parrote

Esta mañá celebrouse a carreira popular para conmemorar o 50 aniversario da fundación do CHUAC. O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Deportes, colaborou co Complexo Hospitalario Universitario da Coruña na súa organización, celebrando o primeiro medio século do hospital con esta actividade deportiva.

Máis de 700 persoas se achegaron para conmemorar o aniversario do centro hospitalario, participando nun circuíto de 5.250 metros que uniu as dúas zonas sanitarias da cidade: a avenida da Lamadosa, onde se atopa o hospital universitario, e o Parrote, onde está localizado o Abente y Lago. Con esta actividade, o Goberno de Inés Rey contribúe a celebrar o aniversario do hospital coruñés.

Álvaro Marín e Karina Callón fixéronse co máis alto do podio na categoría absoluta masculina e feminina respectivamente. Ademais, tamén recibiron premios os primeiros traballadores do CHUAC en chegar á meta, sendo os premiados Esteban Martínez e Elisa Cobelo, cardiólogo e traumatóloga respectivamente.

En canto ás categorías inferiores, na categoría sub18 os gañadores foron Nuno Moure e Sofía Gómez e na categoría sub16 Juan Bouzón e Cristina Mato. Albino Iglesias e Marta Alonso fixéronse co ouro na categoría sub 14 e Berta Cameselle e Samuel Tallón co ouro da sub 12. A última competición foi a sub 10, onde Noa Rey e Sergio Coira se subiron ao podio como gañadores da competición.

A carreira, aínda que non é puntuable, pecha o ciclo deportivo Coruña Corre 2022 que celebrará a gala de entrega de premios o martes 17 de xaneiro no Ágora. Están abertas as inscricións para a media maratón de febreiro e a maratón de outubro en carreirasgalegas.com.